Friday 26 de April de 2024

O orzamento para 2023 aumentará nun 14,30% ata alcancar os 9.850.000 euros


1,6 millóns de euros destinaranse á mellora das infraestruturas e unha das novidades será o desenvolvemento dun programa de bonos para reactivar o comercio local.

O grupo de goberno da Laracha someteu hoxe a ditame da Comisión Informativa de Facenda e Especial de Contas o proxecto dos orzamentos municipais para o ano 2023 que será elevado -para, de ser o caso, a súa aprobación- ao Pleno extraordinario que se convocará para o xoves da próxima semana (22 de decembro).

Esta proposta de presupostos xerais define as liñas estratéxicas da planificación económica de cara ao próximo curso e serán o instrumento clave para o desenvolvemento da xestión municipal co firme propósito de que o Concello continúe avanzando baixo as premisas do reforzamento do benestar social, o esforzo investidor e o desenvolvemento de programas municipais de calidade sen incrementar a presión fiscal ao manter, un ano máis, conxeladas as taxas e impostos municipais nos tipos mínimos permitidos por lei.

Os orzamentos para o 2023 alcanzarán un importe de 9.850.000 euros equilibrado en gastos e ingresos, o que supón un incremento do 14,30 % con respecto ao exercicio anterior. Esta circunstancia vén motivada por tres motivos fundamentais: a maior participación nos ingresos do Estado, o aumento poboacional que se está a rexistrar e que supón maiores ingresos por concepto de IBI, ICIO e servizos relacionados co ciclo da auga e, principalmente, pola participación do Concello no Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e patrimonio.

Precisamente con cargo aos ingresos procedentes dese programa impulsado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo será executada a obra de rehabilitación da antiga casa reitoral de Montemaior para convertela nunha infraestrutura moderna que funcionará como albergue xuvenil, centro de referencia para o sector primario e punto de encontro para a veciñanza.

Outras actuacións de investimento contempladas nos orzamentos son a renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha, a ampliación das instalacións do punto limpo e a achega municipal para a cofinanciamento, xunto a Augas de Galicia, do proxecto de mellora da rede de abastecemento que prevé a creación dun novo depósito de cabeceira e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións. Así, preto de 1,6 millóns de euros, o 16 % do total dos orzamentos, terían por fin a mellora das infraestruturas municipais, o que pon de manifesto o esforzo investidor destas contas.

O capítulo máis amplo, que se leva máis do 56 % do total dos presupostos, é o de gastos correntes. O seu importe increméntase nun 12 % con respecto ao exercicio anterior debido a varios factores, sendo os principais o aumento dos prezos das fontes enerxéticas e a revisión á alza dos custes de diferentes servizos que se prestan desde o Concello -limpeza, mantemento de zonas verdes, xestión dos centros sociais, etc. Neste capítulo tamén se recollen partidas económicas para continuar co desenvolvemento de iniciativas de interese xeral, como son os traballos arqueolóxicos para a posta en valor do Castro de Montes Claros e os relativos á nova numeración das vivendas, tanto a dixital como a que se está levando a cabo nas parroquias. Ademais, inclúese toda a programación cultural e deportiva estando reservadas as aplicacións de gastos necesarias para continuar organizando unha ampla e variada oferta de eventos e actividades, e mesmo ampliala e descentralizala para desenvolver novas propostas nas parroquias. Tamén se manterá o apoio economicamente ao tecido asociativo municipal.

O 23 % dos orzamentos, a cifra total de 2.263.00 euros (o que supón preto de un de cada catro euros do apartado de gastos) ten por destino a protección social, a promoción do emprego e o apoio ao sector comercial. Neste apartado recóllense o persoal, mantemento de todos os equipamentos adscritos aos servizos sociais (escola infantil, centro de día e fogar residencial, centros sociais), programas como o servizo de axuda no fogar e o Harmoniza para facilitar a conciliación, actividades para a promoción da igualdade, o fondo de emerxencia social, a achega municipal para o Plan de Transporte Metropolitano e o financiamento de iniciativas dirixidas a mellorar as competencias profesionais dos cidadáns para facilitarlles a inserción no mercado laboral. Ademais, como principal novidade, o Concello impulsará en 2023 un programa para dinamizar e reactivar o comercio local dotado con 40.000 euros en bonos que se porán a disposición dos cidadáns para financiar parte das compras que realicen nos establecementos laracheses.

Ademais, en 2023 renovarase o compromiso cos estudantes e as súas familias destinando 75.000 euros á convocatoria de bolsas municipais.

No capítulo de persoal prevese o incremento do 2,5 % das retribucións actuais, toda vez que xa se actualizaran durante o ano en curso nun 1,5 %. Por tanto, o aumento das retribucións será dun total do 4 % con respecto ao ano anterior, cumpríndose así co proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Deste xeito o goberno local, mantendo o seu modelo de xestión baseado en feitos reais, mellorar a calidade da vida dos cidadáns e atender ás necesidades do municipio, presenta á Corporación uns presupostos rigorosos, responsables, prudentes e eficaces, acordes ao contexto actual, que consolidan e afianzan a solvencia financeira do Concello e que reforzan de cara ao 2023 os servizos públicos, as políticas sociais e a reactivación económica, ademais de manter unha presión fiscal baixa e non acudir a operacións de crédito con entidades financeiras.